miércoles, 1 de mayo de 2024

Sala Gurugú presenta a teatro do noroeste en FEIRANTES octubre ÁS 20,30H.


Sala Gurugú

presenta a

 teatro do noroeste

 en 

FEIRANTES 


octubre  ÁS 20,30H.

CELEBRA CON NÓS TEATRO DO NOROESTE  AS LETRAS GALEGAS 


“FEIRANTES” é un espectáculo teatral baseado nas narracións de Álvaro Cunqueiro recollidas no seu libro “OS OUTROS FEIRANTES”.

Como se sabe, nestas narracións aparecen reflectidas as andainas de diversas e curiosas personaxes: aquel que falaba co seu cabalo; o outro ó que lle falaban as cousas: as cadeiras, as zocas, a culler, o seu propio estómago; aquela voadora de Serantes que voaba sentada nunha banqueta; aquel Tristán García que morreu de tristura porque non atopou a súa Isolda; aquel Novagildo Andión que recorría as feiras co seu autobús, transportando persoas e animais, que nalgúns casos ven sendo o mesmo; ou aquel que tiña un ollo de cristal, que como o oculista non tiña outro deulle un de segunda man cor violeta, que fora un encargo dunha viúva que morreu antes de disfrutalo, e tódalas mozas querían ter fillos con el para ver se herdaban esa fermosa cor de ollos; ou aquela Anxeliña de Prado que naceu anana, pero cunha habilidade, bordar panos con lendas para os velorios: “¡Adeus, padriños queridos!”, “¡Agárdovos a todos no ceo!”, “¡Deica volta, compañeiros!”, e cousas así.

Todas estas tenras, máxicas e líricas personaxes aparecen reflectidas en “Feirantes” a través dun fío conductor, dun nexo común que as interrelaciona, e este nexo non podía ser outro, na vida dunhas personaxes tan fondamente galegas, que unha vaca, o animal totémico da cultura rural galega. Unha vaca, pois, pasa de man en man, de dono en dono, de feira en feira, e acompañándoa no seu recorrido vital tomamos coñecemento das andainas destas personaxes tan próximas á realidade máxica que caracteriza á cultura galega.

Pero os días están contados para estas personaxes, para este fermoso animal. Ós poucos, todo o que significan vaise derrubando. As súas vidas perden o sentido que alentou nelas e, desorientados, atopan caladamente a súa fin. E no último intre pregúntanse a si mesmas cal foi o motivo, cal foi a razón que as levou a esa situación sen saída onde se atopan: ¿Quizais o seu xeito de ser?. ¿Será que a súa innata mansedume, o seu natural conforme levounas paseniño ata a súa fin? Un espectáculo sinxelo, feito desde o sorriso, desde a delicadeza, desde o amor, que procura buscar a relación directa, limpa, sen trampas, co espectador de hoxe e con tódolos públicos, e que inicia unha nova liña de traballo para Teatro do Noroeste, na adaptación de textos narrativos ó teatro, eses textos que expresan a esencia da nosa cultura.

Un espectáculo homenaxe á vaca e ás estrañas e curiosas personaxes que aínda habitan moitos pobos de Galicia e tamén, porque non dicilo, un espectáculo homenaxe a Álvaro Cunqueiro





enlace video 

:https://www.youtube.com/watch?v=7ei4VeeXd0k


No hay comentarios:

Publicar un comentario