Sala Gurugu
presenta
a Caxoto
en
"O berce das verbas
(contos para bebés)"
sabado 21 de Maio ás 18,30
Domingo 22 de Mayo ás 12,30
: Un espectáculo visual musical dirixido ás bebes de 0 a 4 aniños. Contos, cantigas, música, moita imaxinación e a complicidade das nais e pais.
Neste espectáculo Caxoto Contacontos fai acopio dos
seus mellores recursos habituais para estruturar unha sesión
na que se compaxina a imaxe, a voz, a música en directo, a
fantasía, ... Un espectáculo no que a partires da palabra se
inundarán os nosos sentidos de sensacións, imaxes e emocións.
Arredor dos cantos de berce iremos abordando historias
e xogos nos que participar tanto o público infantil como os seus
proxenitores. Historias de ratiños que se acubillan no colo da
lúa, longas xuntanzas onde se decide quen será o rei (ou raíña)
dos animais, a primeira vez que unha nena ve o mar e sinte as
areas escorregar entre os seus dediños miúdos.
Un paseo polos momentos previos ó sono e ós soños que rematará nun tenro canto
de berce colectivo ó son do bambeo das olas do mar.
QUE ATOPAREMOS NESTE ESPETÁCULO:
Nesta proposta acudimos á musica como ferramenta para crear e recrear un espazo
suxerinte no que presentar tres pequenas historias que serán a delicia de meniñas e
meniños. Dentro desta viaxe daremos un pequeno paseo espacial pola lúa, acudiremos a
unha xuntanza de animais onde o lobo debate coas ovellas e os raposos razoan coas
galiñas. Remataremos a viaxe nunha incursión á praia onde a través da música e das
palabras sentiremos a brisa mariña, o tacto da area baixo os nosos pés e os sons dos
barcos atados nun peirao.
Para esta viaxe contaremos cun bo número de instrumentos musicais que serán
tocados en directo: a frauta doce, as maracas, o birimbao, a frauta de nariz, as claves,
o triángulo, o güiro, ...
Para rematar gravaremos en directo unha doce melodía que acompañará a un canto
de berce colectivo co que nais, pais, meniños e meniñas despedirán este espectáculo.
Caxoto Contacontos é unha caste de viaxeiro a medio camiño entre un avó
despistado e un neno abraiado. Tras moitos kilometros camiñando, escoitando e
observando acumula unha reserva de lugares, imaxes, sons e personaxes que bulen pola
súa cabeza á busca de alguén que teña as mesmas gañas
de abraiarse que el.
A súa voz sonora e profunda recolle moitas outras
voces que a imaxinación e a fantasía saben reter: a voz
da ledicia, a voz da aventura, a voz do temible, a voz da
experiencia, a voz da broma, a voz do lonxano, a voz do
misterio, ....
Pero Caxoto Contacontos non só é voz senón que
tamén é imaxe, e música, e movemento, .................e
horas que pasan voando.